Emigrantes invisibles

La Voz de Galicia – 24 de enero, 2020 →

Cristina PatoCando hai dez anos fora coa miña amiga Neir á exposición La Colonia, na Universidade de Nova York, pensei no fermoso que era que alguén se dedicara a recompilar as imaxes dos españois que emigraran aos EUA había máis dun século.

Os investigadores daquela exposición, James D. Fernández e Luís Argeo, continuaron o seu traballo, e crearon unha pequena obra de arte en forma de libro chamada Invisible Immigrants. Nela deixaron constancia da contribución (aos dous lados do Atlántico) daqueles emigrantes-inmigrantes, e fixéronnos reflexionar sobre as razóns polas que as súas historias se converteran en invisibles.

Cando o ano pasado o Consello da Cultura e a Xunta trouxeran a Nova York a exposición fotográfica Os Adeuses (un emocionante relato sobre o momento de partida da emigración galega), os mesmos investigadores sacaron adiante a exposición As Benvidas, sobre a esperanza na chegada dos novos inmigrantes.

E hoxe, vendo Emigrantes Invisibles, o nome da exposición que acaban de inaugurar no Centro Conde Duque de Madrid, faime graza pensar no feito de que o seu proxecto orixinal (en inglés) chámase Invisible Immigrants, e na diferenza que hai, no noso país, no xeito de ver e imaxinar a un emigrante con respecto a un inmigrante, cando son a mesma persoa.

Emigrantes Invisibles é unha fermosa viaxe a través das vidas dos que tentaron reconstruír a súa idea de fogar nos EUA. Unha homenaxe á emigración, pero tamén á inmigración. Pois segue a ser unha cuestión de perspectiva: os emigrantes de aquí somos os inmigrantes de alí, e, a pesar de que nós seguimos a ser nós, o xeito co que nos definen os outros importa máis do que unha se imaxina…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.