La luz

La Voz de Galicia – 17 de diciembre, 2021 →

Cristina PatoEstes días, nos que a néboa non deixa pasar o sol até ben entrada a hora do xantar, acostumo celebrar ese momento. De súpeto, a miña cociña ilumínase e, entón, levántome da mesa e saio ao balcón, e empápome desa calor natural que tanta enerxía dá. E por un momento podo apagar as luces para deixar que os raios de sol da fin do outono alumeen o salón, aínda que sexa por un anaquiño de día, pois aquí, na miña casa de Ourense, pronto desaparecen. E dalgún xeito, eses trinta minutos de luz cambian a miña percepción do día.

Entón penso que importante é a luz, que esencial para a vida, e que complexo é o feito de que nestes tempos tanto a luz solar coma a luz eléctrica sexan dereitos que non todo o mundo pode ter. Porque entre as moitas noticias ás que lles debemos a nosa atención (e que seguimos coa impotencia que nos provocan as novas sobre as cousas que sabemos que non podemos cambiar) está o feito de que o prezo da luz volveu bater un récord de altura. E logo imaxino a próxima factura, e pregúntome cantos fogares haberá que simplemente non se van poder permitir pagala, e continúo maquinando sobre o que significa iso para o benestar da sociedade.

Mais o calendario segue, e o Nadal xa chegou, precisamente a través desas luces nas rúas, e é por iso polo que unha é máis consciente da capacidade que ten a luz (e a falta dela) de provocar sensacións alleas ás nosas, de darnos ou quitarnos a ilusión.

Pero, como podemos manter a nosa propia luz acesa nos momentos nos que todo é triste e escuro? Quizais nutrindo a esperanza de que seremos capaces de gañarlle a batalla á néboa, como fai o sol cada día, iluminando acotío a nosa percepción da vida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.