Migrantes

La Voz de Galicia – 16 de diciembre, 2022 →

Cristina PatoEste domingo celebrarase o Día Internacional do Migrante, e, segundo o informe da Organización Internacional para as Migracións das Nacións Unidas, o número de migrantes internacionais no ano 2020 (281 millóns de persoas) triplica a cifra de 1970. E aínda que as cifras axúdannos a entender a magnitude do asunto, eu non podo deixar de pensar nos millóns de historias que se agochan detrás de cada unha das persoas que deciden deixar o seu lugar no mundo para atopar a vida. Porque non podemos esquecer que moitos deles marchan porque xa non é posible estar vivo no seu lugar de orixe. As imaxes de desesperación que nos amosaron este anos os medios non deixan de ser a punta dun iceberg inmenso e incalculable. E na meirande parte dos casos non somos conscientes nin das circunstancias vitais que os levan a emprender ese camiño, nin da realidade que se atoparán os que conseguen chegar con vida ao seu destino provisional. Cantas mulleres? Cantos nenos?

A organización non gobernamental Open Arms, cuxa misión é «protexer no mar a aquelas persoas que intentan chegar a Europa fuxindo de conflitos bélicos, persecución ou pobreza», di que salvou 66.511 vidas entre setembro de 2015 até novembro de 2022. E a pesar de ser unha cifra chea de esperanza, non podo nin imaxinar a cantidade de vidas que quedaron polos camiños do mar, a cantidade de relatos heroicos que nunca se escoitarán…

A ONU invítanos a reflexionar sobre os discursos de odio, sobre a politización da migración, sobre a xenofobia, e eu, cada día, invítome a min mesma a non deixarme levar polo egoísmo que rodea as vidas dos que temos un lugar seguro onde vivir e comida para seguir vivos, especialmente nestas datas…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.