Vivir no presente

El Correo Gallego – 12 de Xuño, 2017 →

CRISTINAPATOHAI algún tempo que estou intentando atopar xeitos de liberar o problema da perda da memoria do estigma fatalista que a rodea. Non é que non sexa unha enfermidade difícil e cruel, que o é, (que enfermidade non o é?), pero se engadimos o estigma de non falar dela con naturalidade, e aceptala como é, pois por suposto que todo se fai máis difícil do que xa é.

Na meirande parte dos casos de perda de memoria que coñezo, especialmente os relacionados con demencias do tipo Alzheimer, senil ou frontotemporal, os pacientes son xente non demasiado maior, con boa saúde e unha enerxía apabullante (para ben e para mal). Podería falar dos mil e un proxectos que se adican a traballar no campo de devolver a humanidade ao redor dos enfermos de demencia, dos que se adican a recordarnos que esquezamos a memoria e que vivamos no presente. E supoño que é diso do que vai esta columna de hoxe.

Esquecer a nosa memoria para poder vivir no presente non deixa de ser unha ferramenta poderosa e controvertida para moitos gobernos. Pero esquecer a nosa memoria para poder re-amar e re-apreciar o que temos no noso contorno é un dos xeitos mais fermosos de vivir a vida ao redor dunha persoa con demencia. Cando a miña nai empezou a perder a súa, hai uns seis anos, eu empecei a escribir moitas das nosas conversas, conversas que me axudaban a entender o que se lle pasaba pola cabeza, e conversas que, unha vez escritas, e lidas con perspectiva, fanme rir e axúdanme a vivir con ela, no presente, no mundo no que o que importa é o que está a pasar nestes dezaseis segundos que tarda un en ler este párrafo.

Coa nosa nai, as catro irmás aprendemos a apreciar as vantaxes da perda da memoria; aprendemos a empezar a entender a enfermidade, a prepararnos ano a ano para o seguinte paso, sen esquecer que dentro dese vacío no tempo segue a estar a nosa Maruxa forte, poderosa e incríblemente sarcástica que guiou as vidas de catro mulleres independentes en traballos pouco habituais.

Así que hoxe brindo por todos aqueles que como a Maruxa, esquecen que comeron, onde está a súa casa ou como se pon unha chaqueta. Por todos aqueles que nos recordan que somos humanos e nos obrigan a seguir exercitando a empatía. Porque non todo ten que ser tan horrible como o pintan nos medios, e se todos somos conscientes do que pasa nas vidas dos enfermos de demencia quizáis seriamos máis capaces de axudalos a entenderse e axudarnos a entendernos…

“Hoxe saíches na tele e non me acordo que dicían” “Pois ou que estou tola ou que me deron un premio”. “Ah! Xa me acordo: Que estás tola perdida!”. A Maruxa mirou a miña faciana no iPad, e cun sorriso de orella a orella, seguiu conversando comigo sobre o ricos que estaban os ovos de Trives que estaba a comer…

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.