La Voz de Galicia – 22 de novembro, 2019 →
Estabamos a ver un documental sobre o fotógrafo neoiorquino Saul Leiter cando fixo unha reflexión que me fixo matinar, e moito, sobre que é o que aporta a beleza á nosa existencia. Nun momento, falando da súa vida como fotógrafo de escenas cotiás, espetou: «Non teño nada en contra dunha visión da vida que considere que paga a pena perseguir certas nocións de beleza».A idea de perseguir a beleza non nos é allea aos que dedicamos parte das nosas vidas ás artes, pero no contexto do documental (In No Great Hurry: 13 Lessons in Life with Saul Leiter, de Tomas Leach) comecei a razoar sobre como transferimos, ou non, ese amor pola beleza máis transcendental ao resto das nosas vidas. Imaxinei esas pequenas casas da miña aldea, tan feitiñas, eses cabaceiros maxistrais, os lindes, os peches; todo estaba en harmonía coa súa contorna. E pensei en como na terra da beleza natural ás veces somos capaces de abandonar de xeito case sistemático esas «nocións de beleza» que en certo modo nos definen.
A beleza é accesible. Canto menos tiñan os nosos devanceiros, máis capaces eran de rodearse de beleza. Quizais é a falta de tempo a que fai que esquezamos que o amor co que se fan as cousas francamente importa: esa é a beleza da que estou a falar. Importa como damos os bos días, como axudamos a cruzar a alguén, como pedimos os 250 gramos de queixo, como damos as grazas, como fritimos un ovo. Realmente todo importa, e cando deixa de importarnos é cando a tristura embaza a nosa existencia.
Ás veces, o que fai algo fermoso é simplemente o proceso. E encher o noso tempo facendo cousas bonitas é tanto ou máis importante que facer nada ou facer de máis.