La Voz de Galicia – 10 de Agosto, 2018 →
Xan andaba a facer unha das súas fotos na rúa. Cando se pon, Xan fica quedo nun curruncho dunha cidade e fotografía a aqueles que pasen por diante da cámara, e a posteriori crea unha narrativa coa vida dunha cidade, unha especie de retrato social dun intre nunha parede dun lugar do mundo. Levaba menos de 15 minutos cando a policía londiniense o parou para preguntarlle qué estaba a facer. Xan simplemente lles contou o seu proxecto e acabou tendo unha fermosa conversa cun deles na que, despois de amosarlle Xan o seu traballo fotográfico, preguntoulle: «E de verdade podes vivir disto?».
Xan Padrón ten 49 anos, e, despois de 25 exercendo como docente, decidiu deixalo todo para centrarse na fotografía. Hoxe traballa con galerías internacionais e en feiras de arte coma a de Saatchi Art. Decidiu arriscarse pola súa paixón, e con ese risco comezou unha nova etapa na súa vida, na que a incerteza e a inseguridade alimentan a sensación de estar a facer o que un realmente quere. Se hai algo que admiro da vida en Nova York é ver a facilidade que ten a xente de cambiar de profesión e de contexto na metade da súa vida profesional. Comezar case de cero con 50 anos ten que ser ben duro, pero non buscar a felicidade aos 50 probablemente sexa máis duro de levar.
A meirande parte das veces é a supervivencia a que nos fai tomar decisións cando nos atopamos nunha encrucillada, pero unha vez nos asentamos, unha vez atopamos a comodidade, entón a sensación de ter o control sobre a dirección cara a que unha quere ir tamén se esvaece. Poder elixir é un dereito, e non sempre nos permitimos mudar de dirección, escoller outro camiño e comezar de novo…