La Voz de Galicia – 2 de agosto, 2019 →
Imaxino a reunión de veciños na que tomaron a decisión de comprar tódalas cervexas da vila. Imaxino as opcións que barallaron para protexerse do que lles viña enriba e as ideas que discutiron até chegar á conclusión de que rematar coa cervexa nos supermercados era o mellor xeito de boicotear o festival de neonazis que se celebraba na vila de Ostritz, ao leste de Alemaña. O pasado ano contraprogramaran un festival para a paz, pero quizais esa técnica non funcionou e por iso decidiron tentar frear a violencia deste xeito. Realmente, o tribunal administrativo de Dresde xa prohibira a venda de alcol no susodito festival, pero os veciños foron máis alá e fixeron o posible para que en toda a vila non puideran conseguir unha cervexa. Todo un compromiso cívico levado a cabo por unha vila de 2.400 habitantes.Poucos máis habitantes ten o concello de Toén, en Ourense. Alí, nun alto privilexiado, están os cascallos do que un día foi o hospital psiquiátrico. Un complexo arquitectónico nado a mediados do século XX como leprosería, e que acabou sendo un hospital para a filla esquecida da sanidade pública: a saúde mental. O sanatorio funcionou durante catro décadas, pechou no 2012 e foi radicalmente abandonado. O Sergas desentendeuse e devolveu os terreos cedidos polos comuneiros nos anos corenta, e aí comezou o proceso de decidir quen se fai responsable do complexo. Entrementres, vándalos de tódalas clases e xeracións dedícanse a esnaquizar os edificios porque si, e os recuperadores aproveitan até o depósito de combustible. Si, o compromiso cívico é algo que temos que cultivar na nosa sociedade, pero cal é o compromiso da institución que os abandona?