E logo?

La Voz de Galicia – 1 de febrero, 2019 →

Cristina PatoHabía un tempo que non o vía e a verdade é que parecía algo enfermo. Pregunteille que tal andaba e el respondeume que acababa de saír do hospital, e eu díxenlle «¿y luego?», e el riu e dixo «y luego me fui a casa, ¿por?». O meu amigo é mexicano-americano, bilingüe español-inglés, e sempre conversabamos nesa mestura tan habitual nos EUA que é o espanglish. Mais nunca pensara canto de galego hai no meu castelán; son máis consciente de canto de español hai no meu galego, pero, por exemplo, xamais me parara a reflexionar sobre o significado da expresión «e logo?» para un non galego.

Escoitar a reacción dos meus colegas cando falo do curioso caso de bilingüismo da nosa terra é algo fascinante. Ao non ser experta no tema, simplemente fálolles da miña familia usándoa como unha das múltiples realidades de bilingüismo que vivimos. Meus pais, que se coñeceron en Caracas nos anos sesenta, falaban galego con todo o mundo menos coas súas fillas, cos médicos e cos profesores. Aínda hoxe só consigo falar galego con miña nai cando conversamos sobre o pasado ou a aldea, e, aínda así, cando se decata de que está a falar coa súa filla, entón volve ao castelán. Son coma dúas persoas diferentes. Ao igual que eu son diferente cando falo galego, español ou inglés.

A verdade é que o noso bilingüismo contén historias que ás veces son difíciles de sintetizar. O significado da nosa lingua na xeración (e realidade social) de meus pais era ben diferente do seu significado na miña ou nas novas xeracións. Pero en tódolos contextos é unha decisión que hai que adoptar, pois a nosa diferenza lingüística é tan fermosa coma necesaria para transmitir o que somos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.