La Voz de Galicia – 16 de octubre, 2020 →
O metro parouse entre as dúas estacións, aí, baixo terra, ás escuras. Foi un minutiño de nada, pero ao meu corpo serviulle para lembrarlle as razóns polas que deixei de coller o metro hai algúns anos: o medo é libre, e está vivo… Aínda que son das que senten medo constantemente, cos anos fun capaz de ir deseñando xeitos para lidar con el. Ás veces simplemente evito por completo as situacións que me producen pánico, e outras veces, cando iso é imposible, busco o xeito de pasar polo trago o máis rápido posible.
Pero nestes meses o medo foi aparecendo de xeito gradual. As primeiras semanas, o medo a que a miña nai collera o virus acaparou a miña existencia. Logo veu o medo a que o colleran as miñas irmás, as miñas tías, o meu marido… Despois veu a tristura, que supoño que é tamén unha forma de medo, e finalmente chegou a incerteza (en tódalas súas manifestacións), que veu para quedarse.
Volvín a Nova York hai un mes, e hoxe, vendo como a segunda onda do coronavirus arrasa Europa, estaba a pensar que a única certeza que temos agora é que haberá outra onda, e outra máis, e que tardaremos moito en recuperarnos, do virus e da pobreza. Realmente non temos nin idea de como imos saír de todo isto. Só sabemos que hai que tapar as bocas, lavar as mans, e distanciarse; esas son as ferramentas que temos, e até que chegue a vacina, non hai moito máis ao que aferrarse.
Oxalá os medios, os expertos, e os políticos nos ensinaran a lidar con este medo sen enfrontarnos os uns aos outros, sen sinalarnos co dedo. O alivio que nos ofrecía a cultura segura e o socializar con sensatez, eran as dúas ferramentas espirituais que tiñamos coma sociedade… e agora que?