La Voz de Galicia – 23 de Febrero, 2018 →
Fixo uns ovos rancheiros e durante o xantar comezamos a falar da sensación de vivir no limbo entre varias realidades, sobre a idea de pertencer a todas e a ningunha das culturas nas que unha se cría. Mónica naceu en Santiago de Querétaro, México, e aos dez anos a súa familia emigrou a Nova York. Os seus pais son da zona de Avión, Ourense, e a historia da súa familia materna está ligada a un dos personaxes máis fascinantes da emigración galega: Alfonso Graña, o rei dos xívaros. O galego de Amiudal que emigrou a Iquitos, Perú, en busca de fortuna, e que a raíz da crise do caucho dos anos vinte decide tirar río arriba polo Amazonas…
Graña rematou convivindo toda a súa vida cos xívaros e incluso chegou a colaborar no frustrado proxecto de investigación do aviador galego Iglesias Brage durante o Goberno da Segunda República.
Mónica Álvarez compaxina a súa vida de mestra de inglés nun dos colexios privados máis prestixiosos dos EUA coa súa paixón pola obra de Jane Austen, colaborando como directora de programas da sociedade norteamericana dedicada á figura da novelista inglesa. A súa tese de doutoramento centrouse nas relacións de amizade feminina na obra de Austen, e as nosas conversas adoitan xirar ao redor dos estudos de xénero. Mónica nunca viviu en Galicia, pero é esencialmente galega: humor, carácter, xeito, fala…
A incrible historia de Graña foi o pé dunha sobremesa sobre o visible e invisible da emigración galega, sobre a morriña e o desarraigamento, e no ar quedou a seguinte pregunta: cales son os valores nos que se sustentou a nosa emigración e que converteron aos traballadores en exploradores, aventureiros e filántropos, en embaixadores da nosa cultura?