Historias del barro

La Voz de Galicia – 24 de marzo, 2023 →

Cristina PatoNas noticias da televisión pública dos EE.UU. (a PBS) emitiron unha reportaxe sobre Lara Maiklem, unha mudlark de Londres que traballa nas beiras do río Támesis. Coido que non achei unha tradución directa para esa palabra, mais para o Cambridge Dictionary mudlark é «alguén que busca no barro preto dos ríos tratando de atopar obxectos valiosos ou interesantes». O caso é que a paixón de Maiklem deixoume fascinada, pois nunca me parara a pensar dese xeito nos tesouros que se agochan arredor de nós, e na capacidade que desenvolven moitas persoas para ver e valorar o que para moitos de nós é invisible ou inservible. A protagonista aclaraba que ela non busca tesouros senón historias (pois o que fai un mudlark é «buscar a historia»), e falaba de que o seu achado favorito era «un zapato infantil do período Tudor, duns 500 ou 600 anos». O seu xeito de describir o zapato, coa impresión dos dedos dos pés no seu interior, e as preguntas que podería levar consigo ese zapatiño, fíxome reflexionar tanto sobre a cantidade de pequenas historias sen contar que hai en todas partes: no lixo visible do meu barrio, nos libros que deixa a xente nas rúas, nos xoguetes abandonados no parque arredor da esquina… Pero tamén pensei nas casas en ruínas da Galicia interior, con eses utensilios imposibles que cargaban infinitas horas de vida, e aos que xa nin lle aprendemos o nome. E reflexionei sobre a importancia de saber ver o valor das cousas, e sobre a pouca educación que temos con respecto a iso. Pois no barro do Támesis, Lara Maiklem segue a buscar «cousas perdidas e atopadas de hai máis de dous mil anos», pero eu, no Miño, non sabería nin mirar para elas…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.