La Voz de Galicia – 11 de Mayo, 2018 →
Tamén hai xente boa no mundo. Non podemos deixar que tanta maldade, tanta violencia e tanta inxustiza non nos permitan ver as cousas positivas da nosa sociedade. Esta semana estivo en Madrid o neurocientífico Giacomo Rizzolatti, o descubridor das neuronas espello, aquelas que nos fan sentir o que sente o outro: as que nos fan chorar cando chora o outro ou as que nos fan rir cando ri o outro. Nunha das entrevistas que concedeu falaba, entre outras cousas, do uso da realidade virtual para o tratamento de problemas motores orixinados no cerebro, e da cultura da imitación como xeito de aprendizaxe. Comecei a pensar na idea do contaxiosas que son as emocións, tanto as boas como as malas, e no feito de que todo o que estamos a amplificar nos medios é realmente violento. Entón pensei que se a desigualdade de xénero era simplemente un exercicio de imitación, unha tradición, qué é o que deberiamos facer para evitar que pase o que está a pasar? Como podemos cortar o ciclo e comezar un novo?
É francamente doloroso ver como a Xustiza segue a imitar as sentenzas do pasado, e tamén é doloroso ver como nos medios as noticias non se contan: véndense e imítanse. Na nosa realidade de consumo abusivo de información e contidos deberiamos comezar a xulgar en serio a rede coa que tecemos a nosa existencia, xa que a cultura da imitación é unha arma de dobre fío.
Pois como escribe Gonzalo Torné, na súa introdución á edición máis recente dos ensaios de Montaigne, «vivimos envoltos de opinións, discursos, testemuñas e lembranzas alleas, que, queiramos ou non, subministran os fíos cos que tecemos as nosas expectativas, metas e obxectivos».