Paciencia

La Voz de Galicia – 26 de febrero, 2021 →

Cristina PatoAs miñas actividades domésticas sempre foron acompañadas pola radio. Pero hai uns anos afeccioneime aos podcasts, e dalgún xeito acabei tendo un programa específico para cada unha das tarefas da casa…

O caso é que estaba limpando o cuarto de baño do noso pequeno Liliput (o nome que lle puxemos o Xan e mais eu ao espazo no que vivimos en Nova York), e para iso puxen o podcast sobre conferencias TED que fai a radio pública estadounidense, a NPR. Entón saíu a zoóloga británica Lucy Cooke falando deses fermosos animaliños que son os preguiceiros, os mamíferos máis lentos do mundo, e sobre as leccións que aprendeu deles mentres documentaba as súas vidas, lentas e pausadas. E nun momento da entrevista, a presentadora, Manoush Zomorodi, falando desas leccións e levándoas ao momento no que estamos hoxe, espetou: «Vivimos nunha era de satisfacción inmediata, nunha cultura que premia a eficiencia sobre a paciencia. Pero algunhas cousas, para alcanzar todo o seu potencial, simplemente non se poden apresurar».

Deixei a baeta e deille a rebobinar. Quería volver a escoitala con atención, pois levo todo o ano dándolle voltas a ese tema. Realmente levo case unha década, pero nestes tempos esa présa coa que facía antes algunhas cousas, ese non parar, xa non me ten sentido ningún, e creo que xa non quero volver a iso.

No programa seguiron charlando sobre os preguiceiros e sobre a idea de que quizais este sexa o momento para aprender a valorar o ritmo do tempo, sen forzalo. E eu, unha vez rematei coa limpeza do baño, púxenme a preparar esa clase que tanto me gusta impartir, e de súpeto sentín a beleza da ferramenta máis necesaria das nosas vidas: a paciencia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.