La Voz de Galicia – 16 de noviembre, 2018 →
Tolerancia é unha palabra complexa. Segundo o dicionario da Real Academia Galega, tolerancia é «a calidade de quen respecta as opinións e actitudes dos demais aínda que non coincidan coas súas». Pero de onde vén esa calidade? Como a fomentamos?
A Unesco celebra hoxe o Día Internacional para a Tolerancia. A ONU pretende «fortalecer a tolerancia mediante o fomento da comprensión mutua entre as culturas e os pobos», e por iso declarou, no ano 1995, o día 16 de novembro como o día para lembrarnos, entre outras cousas, que os estados deben «lexislar para protexer a igualdade de oportunidades de tódolos grupos e individuos da sociedade».
Hai anos que traballo con organizacións que usan as artes para o entendemento entre culturas, para a tolerancia; pero nese traballo independente tamén vexo a diferenza entre os que din que están a cambiar o mundo e os invisibles que, sen medios e sen apoio, están a cambialo acotío… Como podemos deixar de falar dela e comezar a practicala?
Imaxinar unha realidade na que todos somos capaces de coidar, nutrir e practicar esa calidade: un utópico mundo no que viviriamos sen guerras -claro exemplo da intolerancia duns poucos cara ao sufrimento de moitos-, sen refuxiados atoados entre dous mundos igualmente crueis e vivindo situacións extremas decote, sen violencia.
O lema é claro: «A diversidade de relixións, culturas, linguas e etnias non debe ser motivo de conflito, senón unha riqueza valorada por todos», pero entón lemos o periódico, ou saímos á rúa, e damos de fronte cunha realidade que dista moito da definición da palabra tolerancia, e unha pregúntase onde foi que nos perdemos.