La Voz de Galicia – 27 de octubre, 2023 →
Falaba John le Carré (David Cornwell) no novo documental dirixido por Errol Morris, The Pigeon Tunnel. Falaba sobre a súa vida e a súa viaxe vital como espía e como escritor; sobre a traizón, sobre a verdade, sobre o engano. E nun momento, cando se refería ao seu traballo como espía na Alemaña da Guerra Fría, dicía «the power of enforced forgetting was extraordinary», algo así coma «o poder do esquecemento forzado era extraordinario». Unha frase que me fixo matinar moito esta semana.
Pois esa idea do «esquecemento forzado» forma parte da nosa historia particular, pero tamén forma parte da narrativa mundial. E esa perda da memoria organizada, eses pactos do esquecemento que se permiten ou se forzan arredor do mundo, teñen consecuencias tan dramáticas, tan complexas, que non somos capaces de entender como nos afectan como sociedade.
Volveron os helicópteros ao meu barrio de Nova York, volveron os policías a todas as esquinas, e volveron as protestas nas que todos loitan pola súa verdade, unha verdade única que sempre resulta incompatible coa verdade única dos outros. E no mundo virtual que habitamos de xeito paralelo, todo iso multiplícase por infinito. Cada día lemos as declaracións dos nosos contactos nas redes, coas súas opinións sobre o que está a acontecer no mundo, especialmente en Oriente Próximo. Cada día sentimos o pulo da polarización, con todas as súas consecuencias, un pulo que me leva de novo ao «poder do esquecemento forzado» do que falaba John le Carré. Pois os perigos que carrea ese poder son quizais a base desoutra polarización que non nos deixa dicir en alto que as vítimas son vítimas, independentemente de en que estado naceran.