O proxecto Penélope

El Correo Gallego – 1 de Maio, 2017 →

CRISTINAPATO“QUE pasa cando unha residencia de maiores decide cambiar o bingo pola Odisea de Homero?” Así é como se presenta o Proxecto Penélope, unha iniciativa que xurdiu hai máis dunha década na mente de Anne Basting, artista, emprendedora e educadora, e unha visionaria do uso da creatividade no coidado dos maiores.
The Penelope Project, o libro, é un compendio dos retos que supuxo levar a cabo unha macro-transformación nunha residencia de maiores no estado de Wisconsin. Unha macro-transformación que comeza coa idea de que o feito de que moitos dos maiores desa residencia tivesen demencia non quere dicir que non poidan levar a cabo proxectos creativos a longo prazo.

A señora Basting foi capaz de convencer á universidade de Wisconsin, ao persoal do centro, aos estudantes da universidade, a unha compañía de teatro e aos habitantes da residencia para levar a cabo un proxecto multidisciplinar que duraría un curso académico no que os estudantes e os “maiores” creasen o guión e a escenografía dunha obra teatral baseada no mito de Penélope, da Odisea: Penélope a que espera tecendo, a heroína silenciosa e poderosa, a intelixente esposa de Odiseo. O resultado deste proxecto fala por si mesmo e pódese ver nun documental en Vimeo (Penelope: the documentary) no que se mostra a verdadeira odisea que supuxo sacar adiante este proxecto.

O Proxecto Penelope non é único no mundo, nin replicable, porque está pensado e feito co cariño e tempo desta comunidade en particular, pero a idea é algo que está a pasar en moitos lugares dentro e fóra das nosas fronteiras, e despois dalgúns anos estudando diferentes proxectos de integración das artes tanto nos sistemas educativos como nos de coidados da terceira idade, a verdade é que unha se decata de que os problemas aos que se enfrontan os artistas apaixonados que se animan a levar a cabo este tipo de proxectos son sempre os mesmos: falta de comprensión, falta de financiamento, falta de confianza e falta de apoio institucional (público e privado). E os requisitos para que o proxecto se leve a cabo son sempre os mesmos: a xenerosidade dos artistas e das familias involucradas, a paixón e a perserveranza e moita, moita diplomacia. E as consecuencias desa ecuación son sempre incríblemente gratificantes para os que forman parte deses proxectos (incluídos os que non confiaban nel) e cun épico e “inesperado” impacto positivo na comunidade…

Por que ten que ser todo tan complicado? Por que unha ruptura da rutina é algo tan difícil de aceptar? Para xerar o cambio hai que pensar de xeito radical (como sacar o bingo e integrar a Odisea) e aceptar que no noso contorno hai moitas comunidades que se están a mellorar a través de proxectos coma estes, pero tamén pensar que son as institucións (non só as públicas, senón tamén as académicas) as que teñen que colaborar neles para que os artistas con paixón por cambiar o mundo non teñan que pasar por tantas odiseas para facer ben ao seu redor. Á sociedade.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.