El Correo Gallego – 17 de Abril, 2017 →
ÁS veces, pasar dun ecosistema a outro sen tempo de transición ten os seus pros e os seus contras. Nestas últimas dúas semanas pasei do foro de emprendedores sociais que celebra a Universidade de Oxford baixo o mando do filántropo Jeff Skoll (Skoll World Forum) á reserva de Cheyennes do Norte do Estado de Montana na que traballo dende hai cinco anos.
Reunirse cos que xeran o cambio social, e traballar, en activo, no cambio social son dúas accións drásticamente diferentes que requiren diferentes xeitos de achegarse ao próximo. Non tiven o luxo do tempo, e pasei directamente dun universo ao outro: do universo dos que financian aos emprendedores sociais ou xeran a emprendedores sociais (dende o cantante Bono ao propio Skoll) ao universo no que os rapaces simplemente van á escola porque é o único xeito que teñen de recibir unha comida ao día.
Hai anos que decidín levar a miña carreira profesional dun xeito diferente, dun xeito que me enchera a alma e o espírito e que me fixera sentir que, por pouco que fora, pois polo menos intentaría achegar algo á sociedade. Ás veces ese algo son emocións puras, outras veces son traballos de base en comunidades que tiven a fortuna de descubrir a través do meu traballo. Xa falei moitas veces nesta columna sobre moitos destes proxectos, pero estas dúas semanas pregúntome máis que nunca quen son realmente os que xeran o cambio, os que o fan ou os que o financian.
Falar cos que xeran o cambio en activo, cos que traballan día a día por mellorar a nosa existencia e a existencia dos que nos rodean, fai a unha aprender e querer ser mellor persoa e máis activa, e máis consciente do afortunados que somos algúns por simplemente poder permitirnos escoitar e intentar achegar algo; falar con coidadores de anciáns, de cativos con dificultades, con traballadores de campos de refuxiados, de barrios desfavorecidos… escoitalos debería ser obrigatorio en calquera colexio público.
Escoitar aos que fan que todo iso sexa posible a nivel económico non é en absoluto gratificante. Hai algo estraño e macabro en falar de pobreza, fame, desigualdade nun contexto de luxo e privilexio como son a meirande parte dos foros de filantropía e emprendedores sociais.
Sei que unha cousa leva á outra, e que o traballo activo, o de campo, sería imposible sen a xenerosidade e esforzo dos filántropos, pero tamén sería imposible a filantropía se non houbera xente disposta a remangarse e facer o traballo… Ver como de separados están eses dous mundos é algo no que levo navengado anos, e esta semana, de súpeto, sentínme peor que nunca por ser capaz de navegar os dous.