El poder del arte

La Voz de Galicia – 27 de Abril, 2018 →

Cristina PatoGrândola, Vila Morena foi a canción escollida polo Movimento das Forças Armadas para dar o segundo e definitivo aviso do comezo da revolución do 25 de Abril, a Revolución dos Caraveis. Dúas emisoras de radio retransmitirían dúas cancións que marcarían o inicio da democracia en Portugal: E depois do Adeus, de Paulo de Carvalho, foi a encargada de dar o aviso para que tomasen posicións, e a emblemática Grândola de Zeca Afonso daba comezo á revolución.

Escribo e estudo a miúdo a relación entre arte e activismo. O caso da Revolución dos Caraveis é un dos máis fascinantes, non só polo que significou para todo un país, senón tamén polo que significou para unha xeración de creadores. O violoncellista Pau Casals fixo da canción tradicional catalá El cant dels ocells un símbolo da paz a nivel internacional no momento que decidiu incluíla en todos os seus concertos durante o seu exilio do franquismo: dende as Nacións Unidas até o Carnegie Hall, unha canción era o seu xeito de protesta e tamén de apoio ao resto dos refuxiados e exiliados.

É incrible pensar canto podemos sentir cando escoitamos ou vemos unha obra que nos conmove, non só polo seu contido histórico ou político, senón pola súa forza. Este ano o MoMA de Nova York mostrou a obra Sin título, da artista e activista cubana Tania Bruguera, unha instalación que forma parte do que ela chama Arte de Conduta, que pretende «non representar o político, senón provocar o político». En grupos de catro, nunha sala por completo a escuras e pisando cana de azucre, sentir a obra dese xeito conmoveume e fixo que sentira algo tan profundo como inexplicable: o poder da arte na sociedade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.