Inmortales

La Voz de Galicia – 8 de maio, 2020 →

Cristina PatoSaímos a pasear e, de súpeto, todo mudou. «Que fas, Maruxa? Estou a escoller un sitio para que o Xan me faga unha foto». Os camiños están cheos de belidas flores salvaxes, e a entrada das casas da miña aldea son pequenos xardíns botánicos. Está todo fermoso. Camiñamos e camiñamos, e a verdade é que nin sequera falamos moito. Iamos as dúas mirando a todas partes, coma turistas na nosa propia terra. E se algún comentario rachaba ese máxico silencio, era para eloxiar a forza da natureza: «Mira como busca o sol; as raíces e os regatos sempre atopan o seu xeito de sobrevivir».

Durante estes sesenta días xuntas pasamos por unha morea de estados anímicos. Ela, eu e o Xan. Ás veces, a incerteza levounos á ansiedade por non saber cal era o seguinte paso; pero esa mesma incerteza tamén nos fixo abrazar o feito de que, en realidade, nunca soubemos cal ía ser o seguinte paso.

Hai días nos que penso que todo isto é unha paréntese, na súa definición matemática: «Signo empregado para illar unha expresión e indicar que unha determinada operación debe realizarse coa expresión completa», e tento ilusionarme coa idea de que, unha vez solucionada esta operación, poderemos continuar coa ecuación da vida. Pero son consciente de que esta paréntese de tempo e espazo terá consecuencias permanentes nas nosas vidas, e que até que pase non seremos capaces de adaptarnos.

Pero pasiño a pasiño faise o camiño, e así, falando por teléfono cun amigo do meu defunto pai (que morrería de novo se soubese que os bares están pechados), o Luisín compartiu comigo a mellor frase que escoitei neste tempo, a que lle berrou o Orentino dende o enreixado: «Se sobrevivimos a esta, é que somos inmortais!»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.