Las moscas

La Voz de Galicia – 24 de junio, 2022 →

Cristina PatoOutra vez a mosca que aparece cando menos a necesitas (porque as moscas son necesarias). Ás catro da mañá, nesa hora na que sempre esperto para ir ao cuarto de baño, soa o pziiiiiii da mosca anana arredor da miña cara. Méteseme na boca, e a moi condenada volve a saír coma se nada. Non quero espertar ao Xan, e non dou matado moscas, así que tapo a cara coa saba. Pero xa se me meteu o zunido na cabeza e para esquecelo comezo a pensar noutras cousas e actívome de tal xeito que son consciente de que o sono xa non vai volver esta noite.

E agora está aquí, tan pancha, pousada na pantalla do ordenador coma se fora dela. Espántoa coa man pero volve, así que pasmo mirando para ela e lembro aquel artigo sobre Erica McAlister, a curadora de dípteros do Museo de Historia Natural de Londres, e póñome a buscalo. No New York Times fala de que «por cada persoa hai dezasete millóns de moscas», e tamén afirma que sen moscas non existiría o chocolate. Outra razón para non matala, pensei, vou intentar que marche pola ventá. Pero non. Aí segue.

Nese mesmo artigo din que a poboación de moscas comúns «podería aumentar un 244 por cento para o ano 2080» por mor do cambio climático. Entón pensei na idea de como compartir este noso ecosistema particular (o da mosca, o ordenador e máis eu). Volvín ao artigo sobre McAlister e fascineime non polas moscas, senón pola súa paixón cara a elas. Abrín de novo a fiestra e agora si, marchou, e eu conseguín rematar o día sen desfacerme dun ser vivo por simplemente ocupar ese espazo que eu considero que é meu, pero que en realidade é de todos. Pois o cambio climático tamén se debe a esta teima nosa de posuír todo o que nos rodea…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.