Pequeños rituales

La Voz de Galicia – 7 de mayo, 2020 →

Cristina PatoO Xan e mais eu, sempre que podemos, saímos a camiñar á beira do río ao final do día. Andamos paseniño, ás veces falando e outras veces completamente en silencio; ás veces pasmando e outras veces apreciando todo o que nos rodea. No paseo de onte, a luz era realmente fermosa, alaranxada tirando a rosada, cuns azuis que tiraban a amarelo, e unha pequena bruma que amplificaba a forza do solpor dun xeito tirando a máxico. «Hai tempo que non vexo un solpor así», díxenlle marabillada ao meu marido, ao que el me respondeu: «Hai tempo que non o dás visto así, pero estar está aí tódolos días…».

A verdade é que tiña razón. Polo que sexa, hai épocas nas que non sempre é doado celebrar esas pequenas vitorias que fan da nosa vida algo mellor, como apreciar as cores e a grandeza dun solpor. Ás veces está na man dun conseguilo, e outras veces hai que pedir axuda. Pero quizais agora, coas vacinas máis cerca de todos e a piques de rematar este estado de alarma, sexamos capaces de poder mirar cara adiante aprendendo a aceptar esta normalidade que aínda non coñecemos mentres redescubrimos todas esas cousas das que non puidemos desfrotar durante este ano.

É complexo asumir que todo cambia constantemente, nós incluídos, e tamén é complexo aferrarse á esperanza de que todo irá ben. Pero, como escribía Alexandre Dumas no seu Conde de Montecristo, «a vida é tan incerta que a felicidade debe aproveitarse no momento no que se presenta». Así que eu vou seguir practicando acotío eses pequenos rituais que cada un de nós constrúe para intentar achegarse un pouquiño a esa idea da felicidade, pois se cadra son esas rutinas as que nos axudan a ver o solpor con outros ollos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.