La Voz de Galicia – 15 de Diciembre, 2017 →
Hai seis anos que a miña amiga Lisa levou a Daisy ao teatro por primeira vez. Era unha produción para escolas dunha obra teatral de Nadal. A total escuridade do teatro e os diferentes volumes dos sons e das voces fixeron que nai e filla tiveran que saír da función aos dez minutos de ter comezado. Daisy ten dificultades sensoriais relacionadas co seu autismo e, naquel momento, Lisa, que entre outras cousas traballa como profesora de produción teatral para a Universidade de California, comezou a súa propia andaina para atopar xeitos de facer o teatro accesible ás persoas con trastornos do espectro autista.
Para Lisa Porter, o teatro e a cultura son a súa vida. E ver como a súa filla non podía gozar da súa paixón empurrouna a producir obras de teatro «sensorialmente amables»: obras que inclúen variacións como evitar sons fortes ou luces intermitentes, ou efectos especiais, e producións que aceptan que o público se mova con liberdade, saia ou faga ruídos. As luces da sala quedan sempre acesas e ofrecen entrada cedo ao teatro, para que as familias se afagan ao sitio e as persoas con dificultades sensoriais teñan o tempo que precisen para se sentiren cómodas.
As obras son as mesmas, o reparto e a compañía non mudan. Lisa dedícase a preparar aos actores para que entendan o contexto do público e as súas necesidades, e tamén ao equipo de produción e de sala.
Seis anos despois, tres compañías en San Diego ofrecen funcións «sensorialmente amables» das súas producións teatrais. E todo grazas ao empeño dunha muller que soubo atopar as ferramentas para axudar aos artistas e á sociedade a entender e a aceptar a diversidade neuronal. Pois a cultura é un dereito. Para todos.