Herramientas artísticas

La Voz de Galicia – 9 de junio, 2023 →

Cristina PatoEsta semana lía un inspirador artigo no The New York Times sobre un programa de danza nas prisións de California. A nova, escrita polo crítico de danza Brian Seibert, que durante tres anos entrevistou aos protagonistas e asistiu ás clases nas prisións de Chino e Lancaster (California), centrábase na orixe e desenvolvemento desta iniciativa. Un proxecto que naceu polo interese de dúas persoas reclusas que decidiron redactar unha proposta desde o cárcere para solicitar clases de danza como motor de rehabilitación.

E a verdade é que, mentres lía o artigo, ía pensando nos proxectos de integración ou mediación artística no ámbito penitenciario que coñezo, e en cantos deles utilizan a danza como linguaxe (en vez da música, o teatro, a literatura ou as artes plásticas). Pois, como mencionaba Seibert, a danza non é tan habitual nese contexto.

Se unha se pon a buscar información sobre os proxectos de danza como activismo, aparecen moitas iniciativas nas que o baile e a coreografía funcionan como ferramenta para o cambio social, individual e colectivo. Ás veces estes proxectos nacen de programas universitarios, outras veces de fundacións ou de pequenas e grandes compañías, e todos poñen en valor o que significa traballar co corpo e co movemento, coa confianza e coa autoestima, tanto no ámbito educativo coma en lugares tan complexos como a prisión.

Na actualidade hai moitos estudos que deixan claro o impacto positivo da ensinanza e da práctica das ferramentas artísticas en diferentes contextos, pero por algunha razón seguimos sen integralas nos nosos sistemas educativos e sociais, cando, nos tempos que vivimos, está demostrado que son máis necesarias ca nunca.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.