Longevidad

La Voz de Galicia – 5 de abril, 2024 →

Cristina PatoA semana pasada fun coa miña nai e coa miña irmá Yoly á procesión. A Yoly andaba coma sempre, ao seu aire, e a Maruxa e máis eu iamos agarradas do brazo, en silencio, camiñando ao seu paso, que é tamén o paso habitual das procesións (cando deixou a Maruxa de camiñar rápido?). Iamos felices, pensando nas nosas cousas, escoitando as campás da catedral reverberando co son das gaitas (que son tan familiar, canto o botaba en falta!), e de súpeto a Maruxa parou, mirou arredor dela, e soltou a media voz: “ha! aquí son todas máis vellas ca min”. E eu tentei conter a miña gargallada, pero non fun capaz. Tiña toda a razón, estabamos rodeadas de vellas, moitas delas maiores ca ela, maiores de oitenta anos.

Lía esta semana unha noticia que dicía que Galicia ten máis de dúas mil persoas centenarias, e que é unha das zonas máis lonxevas do mundo, algo que sen dúbida é para celebrar. E cando me paro a pensar en que lugares do rural de Galicia viven esas persoas, penso tamén na relación entre lonxevidade e sostibilidade, e penso que co prezo da vida máis alto ca nunca, non sei como fan as vellas coma a miña nai para chegar a fin de mes nunha cidade coma Ourense. E aínda que sabemos que ter unha horta e un galiñeiro para o autoconsumo axuda a nivel económico e a manterse activos, esa realidade depende das circunstancias de cada persoa, e non todas as vellas teñen acceso a ela.

Pregúntome cal foi e cal é o papel das institucións na falta de servizos básicos e o abandono do rural, unha situación que fai que moitas persoas, a pesar de querer ou ter raíces nel, non poidan permitirse habitar ese lugar máxico do que presumimos: o rural de Galicia, o rural da lonxevidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.