La Voz de Galicia – 12 de abril, 2024 →
Estaba alí agachado, berrando consigo mesmo, e coma tantas outras veces eu non tiña moi claro que facer ou que non facer. Oxalá soubera como actuar, pero hai algo ben complexo no noso xeito de interactuar, ou de non interactuar con aquelas persoas que, polas circunstancias que sexan, están vivindo na rúa, sen fogar. Ás veces, por medo, porque é de noite e vou soa, decido seguir adiante facendo coma que non están, especialmente cando estou en lugares que non coñezo. Pero cando estou nos sitios que habito, en Ourense ou no meu barrio de Nova York, e os vexo acotío, entón intento achegarme e establecer algún tipo de relación con aqueles que recoñezo como veciños. Un «ola, bos días», un «como van as cousas hoxe?», pequenas interaccións cotiáns que non sei se serven de algo pero que me axudan a sentir máis humana, menos desalmada. Ás veces falo con eles, outras veces déixolles un café pago, ou cartos, e, aínda que sempre sinto que podería facer máis, a realidade é que non fago máis. E entón entro nesa espiral miña habitual na que me pregunto que farán outras persoas na mesma situación, ou que querería eu que fixeran os demais se me atopara nalgún momento da miña vida sen fogar. Pois polo que teño aprendido, os factores que poden levar a unha persoa a vivir na rúa están ao alcance de todos, e non sempre somos conscientes de que as circunstancias desa persoa sen fogar ben poden ser as nosas nalgún momento das nosas vidas. Por iso, a pesar da distancia que decidimos tomar cando nos atopamos con eles, e aínda que sigo sen saber moi ben como actuar, se os coñezo, se me sinto segura, sempre que podo sento a falar con eles, sento a aprender da súa historia.