Quemados

La Voz de Galicia – 18 de septiembre, 2020 →

Cristina PatoQueimados quedan os montes. E queimados quedamos nós. Parece que os padróns de destrución non paran de repetirse: os dos lumes, os da pandemia, os da crise… Sabemos que están aí, vémolos vir, e aínda así non podemos con eles, ou non sabemos como facer para evitalos. A impotencia é un deses sentimentos que ten tanto a capacidade de unirnos contra unha grande adversidade coma a de separarnos por completo da realidade para facer que xa non queiramos sentir nada e nos asentemos na indolencia.

Pero algo teremos que facer para seguir, non? Para min, unha das sensacións coas que non consigo a paz nestes meses é a idea de que non sei contra que estou a loitar. Porque sen dúbida o virus ten a culpa de moitas das cousas que nos están a asoballar, pero a realidade tamén é que, dalgún xeito, sabiamos que moitos dos piares que sostiñan a nosa sociedade vivían pendurados dun feble fío que, ao mínimo movemento, racharía.

Na vida profesional, aínda que ás veces sexa a golpes, unha acaba aprendendo a escoller as batallas nas que quere loitar e a deixar de lado as que non pagan a pena. Pero no persoal, e con tódalas crises posibles arredor, unha non para de preguntarse cal é a batalla que quere pelexar, cal é a causa á que quere contribuír, cal é a inxustiza contra a que quere loitar…

E mentres tanto, os montes quéimanse, os negocios pechan, agrávanse a pobreza e a exclusión social, e os maiores seguen a estar illados. E por onde empezar? Quizais por non esquecer que estes problemas non son novos, ou por aceptar que o esquecemento colectivo da sociedade fai que se repitan moitos destes padróns de destrución, dos que por desgraza todos somos algo culpables.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.