Biografía

Música, escritora, educadora e produtora, Cristina Pato foi aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” por The New York Times. Despois de 25 anos de experiencia coma música profesional, percorrendo o mundo coa gaita galega e o piano, Cristina agora canaliza a súa creatividade a través da escrita, a produción e a docencia, centrándose no papel das artes na sociedade.

Cristina traballou como profesora visitante e artista en residencia na Universidade de Nova York (NYU), na Universidade de Harvard e na Universidade da California, Santa Barbara. Ademais, colaborou durante máis de quince anos co The Silkroad Project, a organización fundada polo violonchelista Yo-Yo Ma.

Desde 2017, Cristina escribe unha columna semanal titulada “A arte da inquedanza” para o periódico La Voz de Galicia, pola que foi galardoada co XVII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. En 2022 publicou a súa primeira novela “No día do seu enterro” coa Editorial Galaxia (Colección Literaria, 2022), agora na súa terceira edición.

Durante a súa carreira profesional como música, Cristina Pato publicou seis discos como gaiteira solista e dous como pianista. Ademais colaborou en varias gravacións como artista invitada, incluíndo os gañadores do premio Grammy “Yo-Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace” (SONY BMG 2008) e “Sing me Home: Yo-Yo Ma & Silk Road Ensemble” (SONY Masterworks, 2016). Tamén contribuíu ao álbum de jazz e tributo a Miles Davis “Miles Español: New Sketches of Spain” (Entertainment One Music, 2011), e participou no documental “The Music of Strangers: Yo-Yo Ma & The Silk Road Ensemble” (HBO, 2015), dirixido por Morgan Neville.

Desde 1999, os seus intereses musicais e culturais levárona colaborar con artistas do mundo da world music, do jazz, da música clásica e experimental, e da danza, incluíndo o seu mentor Yo-Yo Ma, Osvaldo Golijov, a Orquestra Sinfónica de Chicago, a Filarmónica de Nova York, Arturo O’Farrill e os bailaríns Damian Woetzel e Lil’ Buck. O seu poderoso estilo, único e inconfundible, foi aclamado en numerosas ocasións por The New York Times e eloxiado por The Wall Street Journal e Downbeat Magazine.

Na súa prolífica carreira como intérprete levou adiante o Cristina Pato Quartet (EUA), o Trío Galego (Europa), o dúo SOAS con Rosa Cedrón e o proxecto Invisible(s) con Mazz Swift. Ademais de encargar unha ducia de obras para gaita galega e diferentes formacións, incluíndo o concerto para gaita e orquestra “Viúvas de vivos e mortos” do compositor Octavio Vázquez, gravado pola Real Filharmonía de Galicia no 2018 (Odradek Records, 2021). 

Cristina colaborou co Silkroad Project, a organización fundada polo violonchelista Yo-Yo Ma, desde o ano 2006. Co Silkroad Ensemble (2006-2020) participou en xiras por China, Corea do Sur, Australia, Emiratos Árabes, Nova Zelandia, Europa e os EUA, actuando en escenarios tan icónicos coma o Carnegie Hall, o Hollywood Bowl ou o Gran Teatro Nacional de China. Con Silkroad traballou tamén como Asesora de Educación (2014-2019) colaborando na planificación de residencias e actividades educativas, entre elas a colaboración multianual coa Universidade de Harvard, participando ademais coma profesora no “The Arts and Passion-Driven Learning Summer Institute” para artistas e educadores, deseñado en colaboración coa Escola de Educación de Harvard.

Na súa carreira como educadora, Cristina desenvolveu o seu propio camiño para utilizar as artes coma ponte de colaboración entre as humanidades e as ciencias en institucións académicas. Desde o 2012, traballou con diferentes universidades desenvolvendo proxectos que fomentan a colaboración entre departamentos e disciplinas. En 2016 comezou unha colaboración continuada coa Universidade de California, Santa Barbara coa súa clase: “Memory: An Interdisciplinary Exploration”, cocreada e coimpartida por Cristina Pato, e os profesores Kenneth S. Kosik (Neurociencia), Kim Yasuda (Arte Espacial) e Mary Hancock (Antropoloxía), servindo como Arnhold Distinguished Visiting Professor. En 2017 foi nomeada Blodgett Distinguished Artist in Residence na Universidade de Harvard (colaborando con Kay Shelemay e Michael Uy no Departamento de Música) e no curso 2019-2020 ocupou a Cátedra de Cultura e Civilización Española no King Juan Carlos Center da Universidade de Nova York (NYU). Desde o ano 2021 Cristina colabora coa música e pediatra Lisa M. Wong na iniciativa interdisciplinaria da Universidade de Harvard Mind Brain Behavior, cocreando e coimpartindo o seminario “Creativity at the Edge: Health, Music and Community”.

Como escritora e columnista, no ano 2015 comezou a súa traxectoria cunha columna quincenal no xornal El Correo Gallego, e desde o 2017 Cristina escribe unha popular columna semanal para a contraportada de La Voz de Galicia titulada  “A arte da inquedanza”, pola que gañou o XVII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. No ano 2022 publica a súa primeira novela No día do seu enterro, coa Editorial Galaxia (Colección Literaria, 2022), agora na súa terceira edición.

Como produtora independente, Cristina está especializada en eventos e proxectos centrados na intersección entre arte e sociedade, incluíndo a iniciativa ESENCIAIS 20/50 (en colaboración con Xaime Fandiño e CUNDE), o Festival Galician Connection, ou dous días de cultura en acción para o proxecto global The Bach Project de Yo-Yo Ma. 

Durante a súa carreira recibiu numerosos premios, entre eles o Premio Artista Comprometido outorgado pola Fundación Daniel e Nina Carasso, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba ou o Premio da Cultura de Galicia. 

Cristina divide o seu tempo entre a cidade de Nova York e Galicia e comparte a súa vida co fotógrafo Xan Padrón