Biografía

Música, escritora, educadora e produtora, Cristina Pato foi aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” por The New York Times. Despois de 25 anos de experiencia coma música profesional, percorrendo o mundo coa gaita galega e o piano, Cristina agora canaliza a súa creatividade a través da escrita, a produción e a docencia, centrándose no papel das artes na sociedade.

Cristina traballou como profesora visitante e artista en residencia na Universidade de Nova York (NYU), na Universidade de Harvard e na Universidade da California, Santa Barbara. Ademais, colaborou durante máis de quince anos co The Silkroad Project, a organización fundada polo violonchelista Yo-Yo Ma.

Desde 2017, Cristina escribe unha columna semanal titulada “A arte da inquedanza” para o periódico La Voz de Galicia, pola que foi galardoada co XVII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. En 2022 publicou a súa primeira novela “No día do seu enterro” coa Editorial Galaxia (Colección Literaria, 2022), agora na súa terceira edición.

Cristina divide o seu tempo entre a cidade de Nova York e Galicia e comparte a súa vida co fotógrafo  Xan Padrón