Arte y activismo

La Voz de Galicia – 31 de marzo, 2023 →

Cristina PatoLevaba tempo desexando velo, non só pola boa crítica recibida, senón tamén pola fascinante relación entre arte e activismo que prometía. All the Beauty and the Bloodshed é o documental dirixido por Laura Poitras sobre a carreira da fotógrafa estadounidense Nan Goldin, e sobre a súa loita contra a adicción e contra a hipocrisía do mundo da arte e da filantropía. En concreto, o activismo de Nan Goldin céntrase en dous puntos: na relación da familia Sackler coa epidemia dos opiáceos que está a vivir o país dende hai décadas (que matou a máis de cen mil persoas no ano 2021), e na relación da familia Sackler co mundo da filantropía, con museos coma o MET e o Louvre, e universidades coma Harvard ou Oxford, que nomearon salas e edificios con ese apelido debido ás doazóns millonarias que recibían dos Sackler. Esa mesma familia que está detrás de Purdue Pharma, a empresa farmacéutica que sacou adiante o analxésico opiáceo OxyContin, e que, logo dunha campaña publicitaria enganosa baseada en datos falsos nos que falaban da baixa probabilidade de adicción, logrou normalizar o uso dos opiáceos con receita médica, o que creou unha comunidade de adictos que non sabían que o serían.

O documental narra o reto de Goldin e P.A.I.N (a súa organización) de facer co-responsables a museos e institucións académicas sobre a orixe dos cartos que reciben dos Sackler, e sobre o que significa a súa colaboración con eles. Creando así unha interesante e inspiradora intersección entre arte, activismo, compromiso e responsabilidade social, levada até un iluminador extremo que nos fai reflexionar sobre os crimes que se agochan tras moitos dos nomes dos lugares que habitamos acotío…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.