Cuidarse

La Voz de Galicia – 14 de mayo, 2021 →

Cristina PatoNo meu camiño á casa pasei por diante de tres farmacias, e de súpeto decateime de que as tres tiñan o escaparate cheo de publicidade de medicamentos para a ansiedade e a depresión. Diferentes marcas e remedios, uns naturais e outros non, pero en todas estaba escrito en grande «Ansiedade» «Depresión». Chamoume a atención o feito de que nunca reparara no que anunciaban as farmacias do barrio até que vin esas dúas palabras…

Durante esta semana celébrase a Semana Europea da Saúde Mental, unha iniciativa da organización Mental Health Europe (MHE) para sensibilizarnos sobre a importancia da saúde mental. No vídeo de presentación, a directora en funcións da MHE, Liuska Sanna, lembrábanos que «non hai saúde sen saúde mental» e repetía o sinxelo e relevante lema da campaña: «A saúde mental importa».

Quen sabe cales serán os efectos a longo prazo desta pandemia, pois non podemos nin imaxinar o que está por vir a nivel social, económico e cultural. Pero hoxe, un ano e pico despois do comezo da pandemia, cun sistema saturado, pregúntome cantos de nós temos as ferramentas necesarias para saír adiante coidando a nosa saúde mental e a dos que nos rodean. Somos conscientes da súa importancia, pois aféctanos a todos nalgún momento das nosas vidas, pero non sempre sabemos como entender e afrontar os problemas relacionados con ela.

Os escaparates das farmacias do barrio fixéronme pensar que coidarse significa moitas cousas, entre elas aceptar que somos vulnerables, falar con alguén e buscar axuda, pero tamén significa atopar o tempo para respirar profundamente, descansar, dar un paseo por aquel fermoso xardín ou chamar a aquela persoa que sabes que está soa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.