Representantes

La Voz de Galicia – 4 de febrero, 2022 →

Cristina PatoÉ unha palabra que abrangue moito máis significado do que podemos expresar con palabras, pois na definición de representante non sempre entran as emocións que están ligadas á idea ou metáfora que representan. Durante estes días nos que, dalgún xeito, a canle nacional foi quen de resucitar a paixón por Eurovisión (curioso estudo de mercado) a través dun Benidorm Fest que supoño que foi o seu xeito de traducir á modernidade o antigo Festival internacional de la canción de Benidorm (outro curioso estudo), teño pensado moito no que significa para algún dos artistas alí presentes converterse, case de súpeto, en representantes, en referentes de algo inexpresable…

É aí cando o peso da responsabilidade que nós escollemos para eses artistas acaba sendo responsabilidade deles, sen que poidan escoller se a queren ou non, pois nós xa tomamos a decisión de proxectarnos neles aínda que sabemos que son artistas, e non políticos. E entón pregúntome onde quedan eles, onde queda a súa liberdade? É como se no momento no que comezamos a chamalos representantes (da causa, do noso, daquilo…) deixan de ser eles para ser nosos, e nese instante convertémonos en xuíces de tódolos seus pasos, porque entendemos que nos representan a nós ou á nosa causa.

Eu simplemente desexo que todos eses artistas, pero en especial as Tanxugueiras, poidan encontrar a forza e a liberdade para seguir sendo o que elas queiran ser, a pesar do peso que decidamos pór nelas. Pois son mulleres libres que nos emocionan coa súa visión e perspectiva, coa música e o estilo que as apaixona hoxe, co seu xeito de entender a importancia do traballo en colaboración no eido da música. Son Artistas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.