La Voz de Galicia – 12 de Xaneiro, 2018 →
Estaba tirado no chan, diante do conduto de ventilación dunha tenda da Sétima Avenida. Eu levaba cinco capas enriba, estabamos a uns 15 graos baixo cero e o home tiña tan só un pixama posto. Parecía durmido; quedei mirando un anaco para ver se o vía respirar, e cando comprobei que estaba vivo seguín o meu camiño cara ao supermercado. Ao cabo dun pedazo pensei en chamar aos servizos sociais para que o viñesen recoller. O frío era brutal e non podería durar moito así vestido. Non chamei. Simplemente pensei que, se á volta aínda estaba alí, collería o teléfono e tentaría que o levasen a un refuxio.
Nova York é unha cidade de contrastes, pero esa imaxe de alguén durmindo na rúa a pesar do frío é desgraciadamente universal. Sobrevivir na sociedade do século XXI estase a converter nun pequeno gran milagre diario, no que só uns poucos afortunados (o famoso 1 %) poden vivir tranquilos até a súa morte. A sociedade do benestar, aquela pola que pagamos e loitamos, estase a converter nun luxo: a exclusión social, a pobreza, unha enfermidade física ou mental mal tratada, o exilio, un desafiuzamento, a busca dun lugar sen guerra ou simplemente a mala sorte poden levarnos a durmir na rúa antes do que pensamos. Pero aínda que unha crea que ninguén se libra diso, a verdade é que hai un 1 % de afortunados que, por moito infortunio que sufran, seguen a saír airosos de todas as situacións, e a probabilidade de que un responsable dunha banca remate durmindo nun caixeiro é algo remota.
Á volta do supermercado pasei pola mesma tenda. No lugar do home había agora unha muller fumando un cigarro e cun cartel que dicía «teño fame e frío, feliz Aninovo».