92 luns

La Voz de Galicia – 18 de outubro, 2019 →

Cristina PatoLevaban case un mes de peregrinación. Todos e todas marcharon cara a Madrid para facer que os escoitaran os políticos, os medios, as institucións, a sociedade, nós. Maiores e non tan maiores que se mobilizaron por todo o Estado para reivindicar, entre outras cousas, que as pensións públicas se revaloricen cada ano segundo o IPC, que as pensións mínimas sexan equiparadas ao salario mínimo interprofesional, que as pensións sexan un dereito fundamental na Constitución…

Pero tiveron mala sorte. A súa chegada a Madrid coincidiu na mesma semana en que se fixo pública a sentenza do procés, e aínda que os medios, máis ou menos, dedicaron algo do seu tempo a darlles voz, a verdade é que a nosa maioría fundamental (os pensionistas) segue sen ser escoitada polos políticos, polos medios, polas institucións, pola sociedade, por nós.

Segundo o informe Envellecemento en rede do CSIC, no 2018 o 24 % da poboación galega era maior de 65 anos. E o noso saldo demográfico é negativo. E que podemos facer nós, os pensionistas do futuro?

Eran dúas rutas cheas de simbolismo: pensionistas de máis de 280 plataformas locais organizadas pola Coespe (a Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións) marcharon desde Bilbao e Rota cara a Madrid para lembrarnos que moitos deles viven no limiar da pobreza, que a súa situación non é sostible.

Levan 92 luns manifestándose. De que maioría estamos a falar esta semana nos nosos medios? A que maioría estamos a escoitar?

É triste pensar que, no futuro, a miña xeración probablemente xa non teña que preocuparse por organizar unha manifestación por unhas pensións públicas que quizais non existirán no 2050.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.