Adiccións

La Voz de Galicia – 17 de setembro, 2021 →

Cristina PatoLía esta semana unha nova sobre a publicación do primeiro caso clínico no mundo dun menor hospitalizado pola súa adicción a un videoxogo. E canto máis me informaba sobre o caso, máis pensaba no complexo que é ser adolescente, no complexo que é aprender a ser.

O equipo, formado por profesionais do Hospital Provincial de Castelló, a Universitat Jaume I, e o Hospital General Universitari de Castelló, falaba, entre outras cousas, de «como o uso do videoxogo comezou coma un refuxio para o seu malestar emocional».

E entón quedei matinando no significado de «malestar emocional», e pregunteime se outras adiccións que acompañaron as xeracións precedentes, estarían relacionadas con esa idea.

De súpeto lembrei os consellos do meu defunto pai para circular con seguridade polo barrio a principios dos anos noventa, pois as xiringas aparecían por tódalas partes da nosa rúa (e do noso portal). E tamén lembrei as noites que pasamos en vela na casa esperando a que a policía viñese a parar unha pelexa de adolescentes bébedos no casco vello. E é que adiccións sempre as houbo, e o que nos pode levar a elas é tan simple e complexo coma a vida mesma. E aínda que sabemos que moitos deses produtos están deseñados para precisamente crear adictos, seguimos sen ter un xeito de loitar contra ese «malestar emocional» que leva a moitos menores a converterse en adictos antes incluso da adolescencia.

Aprender a ser é difícil, especialmente cando estamos a sentir emocións que non sentiramos antes. Pero como sociedade teremos que buscar o xeito de axudarnos os uns aos outros nalgún momento, pois aínda que non nos decatemos, as redes e a tele xa nos fixeron a todos adictos…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.