Desconectarse

La Voz de Galicia – 14 de outubro, 2022 →

Cristina PatoO meu teléfono móbil (coma tantos outros) infórmame, sen pedirllo, do número de horas que paso nel. Cada domingo aparece unha notificación que me di se subín ou baixei de tempo con respecto á semana anterior, e cada domingo fico asombrada da cantidade de minutos dedicados a non sei moi ben o que. Pois intento ser disciplinada e utilizalo só para o que creo que me fai falta, pero igualmente paso unha media de dúas horas ao día facendo nada con el. E estes días deume por pensar en que xa non lembro como era a miña vida sen o teléfono este que vale para todo: para aproveitar o tempo e para perdelo; para buscar información e non aprendela; para non perderse e terminar perdida… Dúas horas ao día son catorce horas á semana, que darían para moitas outras cousas máis importantes, coma pasmar, ler un libro, ou charlar máis coa Maruxa. Quizais a parte que máis doa desas horas perdidas con el é que queda unha cansa, e coa sensación de que ese tempo xa non volve, e que sen querelo estás ti aí, paralizada, mirando para un aparello buscando cousas que tampouco serven de moito

O caso é que tampouco podería vivir sen el. Ver a miña familia acotío só é posible a través do móbil. Polo que non podo nin imaxinar o que pasaría se, de súpeto, desaparecera esa arma de dous fíos que é internet, esa que nos acompaña a todas partes a través do noso móbil, esa que está sempre escoitándonos. Ou que pasaría se o poder político, económico, ou social deixara de utilizala para manipularnos… Pois catorce horas á semana dan para moitas cousas, entre elas: desconectarse do cibermundo para entender que xa non hai volta atrás, e polo camiño conectarse de novo a unha mesma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.