Desinformación

La Voz de Galicia – 13 de outubro, 2023 →

Cristina PatoAs atrocidades están por todas partes. Pero este mes, lendo sobre os múltiples conflitos que hai arredor do mundo, unha non deixa de preguntarse até que punto pode chegar a condición humana.

Escribía Miguel-Anxo Murado esta semana sobre o feito de que «Israel obtén a súa información de Gaza por medios electrónicos», e que Hamás, sabendo iso, probablemente planeou o ataque «de viva voz en búnkeres subterráneos». E estes días, falando deste tema con Antonio Murado (o irmán de Miguel-Anxo e veciño de Nova York), reflexionabamos sobre a idea de que na era do poder tecnolóxico, na era da conexión constante, a ferramenta utilizada por Hamás fora, precisamente, evitar todo contacto con ela, fora a desconexión.

Tamén esta semana, The New York Times publicaba un artigo sobre a cantidade de informacións falsas que están a inundar as redes, e que «corren o risco de escurecer probas reais de atrocidades». Nomeando, aclarando e refutando, algúns dos vídeos e documentos que están a ser compartidos de xeito viral. Neste mundo hiperconectado xa somos todos conscientes do poder que teñen as redes, tanto para o bo coma para o malo. E probablemente saibamos que a desinformación, a acción de desinformar, cuxa definición da RAE é «dar información intencionadamente manipulada ao servizo de certos fins», é unha ferramenta tan complexa coma daniña, unha arma que xa nos ensinou o que é capaz de facer.

E eu imaxino que agora asistiremos de novo a unha guerra paralela e constante, á guerra da desinformación, unha guerra que fomenta o odio e a polarización. Unha guerra que fará que cada día nos cuestionemos onde están os límites físicos e morais da condición humana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.