Despersonalización

La Voz de Galicia – 10 de marzo, 2023 →

Cristina PatoÍa camiñando polo centro da cidade e de súpeto sentín que estaba nun aeroporto. As mesmas tendas de roupa ou calzado, os mesmos produtos de luxo, as mesmas cafeterías; o mesmo xeito de suxerir á xente o que ten que mercar e onde, o mesmo xeito de chamar a atención. E aínda que camiñaba por unha cidade concreta, ben podería ser unha cidade calquera de calquera parte do mundo, do mesmo xeito que podería ser un aeroporto calquera. Todos zumegan a mesma música, a mesma fragrancia, as mesmas imaxes…

Entón pensei no rápida que foi esta transformación, pois, para min, esta xentrificación comercial non era tan evidente hai vinte anos, especialmente nas pequenas cidades. Quizais na década entre o 2009 e o 2019 (os meus últimos anos de carreira nos escenarios) funme decatando de que cada cidade que visitaba para traballar aportábame unha serie de estándares aos que me fun acostumando, e que me facían a vida na estrada algo menos complexa (cantos Starbucks visitei en China, Corea, Australia ou Emiratos simplemente porque sabía que alí tiñan a avea que quería para almorzar?). Pero nunca sentira unha despersonalización tan forte coma a que sinto nestes tempos. Non sei se é porque abracei outro tipo de vida e aínda me estou adaptando, pero agora, máis ca nunca, síntome desprazada nese centro que tanto me aportou sempre, e evito camiñar por el para non sentirme cómplice (aínda que o sexa) dese modelo de vida no que xa non me recoñezo…

Dalgunha maneira, os centros de hoxe non deixan de ser o espello da vida de hoxe, e supoño que xa non hai volta atrás, que xa somos todos cómplices e vítimas deste pequeno Show de Truman que creamos para nós mesmos…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.