La Voz de Galicia – 4 de xuño, 2021 →
Esta semana escoitaba na radio unha entrevista a Azucena Díez, a presidenta da Sociedade de Psiquiatría Infantil da Asociación Española de Pediatría (AEP), na que falaba sobre o aumento dos problemas relacionados coa saúde mental nas consultas de pediatría, en especial a «ansiedade, a depresión e os trastornos da conduta alimentaria». Noutra noticia relacionada coa AEP falaban de que desde setembro do pasado ano «cuadriplicáronse os ingresos de menores relacionados con trastornos mentais», e que houbo un «incremento do 50 por cento das urxencias psiquiátricas en adolescentes».
E eu pregúntome que é o que podemos facer para poder axudar ao noso futuro, aos adolescentes que están a facer o que poden para sobrevivir emocionalmente a unha realidade para a que ningún de nós estabamos preparados. Pregúntome tamén como podemos axudarnos os uns aos outros con respecto a este tema, pois este ano ten sido difícil para todos: menores e maiores.
Hai pouco escribía sobre a idea de que non sempre temos as ferramentas necesarias para afrontar a nosa saúde mental e a dos que nos rodean. E hoxe, no final dun curso tan estraño, penso no complexa que tivo que ser a docencia presencial para os profesores que acotío viron e sentiron ao seu alumnado lidar con sensacións e emocións que non sempre son capaces de expresar, e que non todo o mundo entende. Se cadra, este é o momento para comezar a aceptar a importancia da educación emocional (e social), pois non só é necesaria no ámbito educativo, senón tamén fora del; e quizais con ela sexamos capaces de entender mellor que é o que nos pasa, para así aprender a xestionar esas emocións que ás veces non nos deixan ser.