La Voz de Galicia – 20 de marzo, 2020 →
Hoxe entrou a primavera, e non deberiamos esquecer a forza que ten a natureza para reverdecer, florecer e recuperarse. Se perdemos a esperanza, perderémolo todo, e hoxe é un bo día para lembrarnos a nós mesmos que, pase o que pase, sempre haberá unha árbore florecendo, unha flor buscando o sol ou un paxariño cantaruxeiro alegrándonos o día. Quizais non o vexamos desde a nosa xanela, pero podemos escoitalo ou incluso imaxinalo, e se cadra con iso chéganos para lembrar que isto, coma todo, tamén pasará.
Só nos queda coidarnos e esperar. Mais coidarse non está sempre ao alcance de todos, e non todos son capaces de facelo por si mesmos. Aqueles que coidan aos nosos maiores tamén están sós estes días, illados dos seus mentres coidan dos teus esperando a que pase. Tamén están soas aquelas persoas que aínda que compartan espazo vital, conviven co seu inimigo, ás veces sen sabelo. Realmente estamos todos máis ou menos sós, con nós mesmos, matinando se imos saír desta ou como recuperaremos o que perdemos…
O pasado verán, en Trasalba, escoitei á grande poeta Luz Pozo Garza falar da súa relación coa soidade; nas miñas notas daquel día simplemente anotei: «Ten 96 anos e séntese perfectamente cómoda coa soidade». E hoxe penso que aínda que a soidade non sempre se escolle, quizais estes días nos sirvan para comezar a aprender a sentirnos cómodos con ela, para así valorar de novo eses pequenos grandes dereitos que esquecemos que tiñamos.
Cun verso de Luz, hoxe, máis ca nunca, tentemos non perder a esperanza e miremos ao noso redor, aínda que sexa para imaxinar as flores daquel xardín do que algún día coidaremos: «Agora que regresa a primavera…».