La Voz de Galicia – 30 de setembro, 2022 →
Mañá celébrase o Día Internacional das Persoas de Idade, designado polas Nacións Unidas no ano 1990. E a verdade é que é complexo pensar en como estaban as cousas hai trinta anos con respecto á idade e como están agora. Sen dúbida hai tantos xeitos de envellecer coma persoas hai no mundo, e cada un leva os anos como pode, segundo as circunstancias que o rodean. Algúns son dependentes e outros independentes; algúns teñen familia e outros non; algúns envellecen na súa casa e outros en residencias…
Pero cando hai dous anos Amnistía Internacional emitía o informe «Abandonadas á súa sorte. A desprotección e discriminación das persoas maiores en residencias durante a pandemia covid-19 en España», deixaba moi claro o idadismo institucional da nosa realidade. Pois non podemos esquecer que no 2020 houbo unha parte da nosa sociedade á que se lle denegou o dereito a ir a un hospital, encerrándoa, literalmente, nesa complexa e desigual rede que son as residencias de maiores. Amnistía Internacional denunciaba «cinco violacións de dereitos humanos: á saúde, á vida, á non discriminación, á vida privada e familiar, e a unha morte digna», e a día de hoxe segue pedindo xustiza para os responsables desas decisións.
Segundo os datos que aporta a ONU, na actualidade hai máis persoas maiores de 60 anos que menores de 5, e sinala que todos os países teñen que prepararse a nivel social e sanitario para ese cambio demográfico. E precisamente unha das metas deste día internacional é «pór en relevo a necesidade dun instrumento xuridicamente vinculante sobre os dereitos das persoas de idade (…) por unha sociedade para todas as idades». Oxalá chegue a vella para velo!