«Maestro»

La Voz de Galicia – 19 de xaneiro, 2023 →

Cristina PatoLevo unha tempada dándolle voltas ás múltiples realidades que navegamos nas nosas vidas, matinando no feito de que non sempre somos conscientes do importantes que son para nós…

Esta semana decidinme a ver Maestro, a película de Bradley Cooper sobre o director de orquestra e compositor Leonard Bernstein. Unha obra que amosa a relación de Bernstein coa súa muller Felicia Montealegre a través dos anos, e que me fixo reflexionar sobre as complexas decisións que toma un artista ao longo da súa carreira, e do que iso significa para a súa vida persoal. De súpeto, no medio da película, recoñecendo os escenarios, púxenme a pensar nunha idea á que lle dei voltas moitas veces na miña carreira como música. A idea da «vida prestada», que durante anos foi o meu xeito de nomear a vida que vivía cando andaba de xira con artistas do calibre e a popularidade de Bernstein. Pois cada vez que me tocaba traballar con eles tiña a sensación de ser espectadora e protagonista de algo máis grande ca min, pero tamén tiña claro que a miña realidade nada tiña que ver coa deles, e que ao meterme no avión de volta á casa eu volvería a unha realidade diferente, e eles seguirían na deles. Sentíame afortunada de non ter que cargar coa responsabilidade que cargaban eles, e ao mesmo tempo preguntábame se serían capaces de deixar todo iso de lado para construír outro tipo de realidade ao seu redor.

Maestro lembroume as razóns polas que mudei de rumbo, as razóns polas que, a pesar da pompa, esoutra vida deixou de ter sentido para min. Lembroume a importancia de estar presente para poder recoñecer que é o que me importa na vida, e se cadra tentar construír unha realidade acorde a iso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.