La Voz de Galicia – 19 de febreiro, 2020 →
«Non anda ninguén pola rúa» é a frase que repite a miña nai desde a fiestra. No corazón do Ourense vello, onde ela vive, nada queda daquel barullo constante que nos acompañou toda a vida. E aínda que non podo dicir que botemos en falta a parte máis agresiva daquel boureo (a dos que, a altas horas da madrugada, e completamente ebrios, acababan pelexando na rúa), a verdade é que se bota en falta a vida e a actividade dun barrio que sempre foi o que é, o barrio dos viños.
Son moitos os sectores que están a sufrir dabondo durante esta pandemia. Pero o caso da hostalería é probablemente o exemplo máis evidente da realidade na que vivimos agora mesmo: cambios radicais constantes que deixan aos pequenos e grandes negocios sen esperanza de supervivencia. O peor é que, ao pechar a hostalaría, péchanse moitas cousas. E tamén se pecha unha forma de vida que non sempre é colectiva.
Supoño que é porque crecín rodeada de bares, cafés e restaurantes, pero sempre me chamou a atención a cantidade de persoas soas que facían neses espazos a súa vida. Dalgún xeito, eses lugares eran un bálsamo para a soidade, polo menos durante o día, e cústame imaxinar a infinita soidade que sentirán agora aqueles que sentaban durante horas na barra daquel bar, ou na mesiña daquel café, para simplemente ver a xente pasar, sen socializar.
A pandemia é dura de seu como para culpabilizar a ninguén. Os que nos xuntamos somos nós, e como nos xuntamos é a nosa responsabilidade. Pero esta situación excepcional na que vivimos non afecta a tódolos espazos pechados do mesmo xeito, e, se xa é difícil sobrevivir nestes tempos, debe ser case imposible facelo cando che fan parecer culpable…