La Voz de Galicia – 2 de Marzo, 2018 →
Hai un par de semanas que a periodista Tamara Montero publicaba un artigo sobre as mulleres galegas na ciencia no que mencionaba o traballo de Xoana Pintos, que escribiu a súa tese doutoral para a USC sobre As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960. Coa súa tese descubrín unha Galicia que eu non coñecía, a das pioneiras no mundo da investigación científica. Co libro da escritora María Solar, Os nenos da varíola, introducinme no universo dos 22 rapaces galegos que transportaron, historicamente, a vacina da varíola ás Américas coa Real Expedición Filantrópica da Vacina no 1803. Os nenos, saídos dun orfanato da Coruña, ían ao coidado da enfermeira Isabel Zendal, recoñecida pola OMS como a primeira enfermeira da historia partícipe dunha misión internacional. A memoria histórica da contribución das mulleres á sociedade é unha materia pendente para todos, pois implicaría revisar e reescribir unha parte importante da nosa idiosincrasia. Son moitas as organizacións en Galicia que están a recuperar a historia do noso mundo en feminino, e moitas as teses e artigos publicados, por variadas disciplinas, ao respecto. A Saia e a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega axudan a ter acceso a moitos deles. Seguir de preto as investigacións sobre a historia das mulleres invisibles no mundo da música, da literatura e das artes plásticas é un dos meus retos diarios. A proxección viral da historia da fotoxornalista Gerda Taro (Robert Capa), ou a das Sinsombrero (as mulleres da xeración do 27) son pequenos grandes pasos para redescubrir o que o sistema ocultou; pois, como escribía Manuel Rivas en El País: «El machismo es el sistema».