O Pergamiño

La Voz de Galicia – 20 de Outubro, 2017 →

Cristina PatoA conversa telefónica durou 37 minutos. Eu debín de falar de seguido uns 10, e unha vez escoitou pacientemente a razón da miña chamada, unha voz cunha paixón contaxiosa, comezou a contarme as idas e vidas do Vindel, as públicas e as privadas… Quedei enganchada a ela, e ao seu xeito de contar algo tan complexo en termos tan accesibles, e en certo modo esquecinme de cal era o motivo da miña chamada, pois esa conversa coa catedrática, profesora e pioneira Camiño Noia, inspiroume tanto que o que ía ser unha columna sobre o feito histórico de que as Ondas do mar de Vigo estean por fin en Vigo (despois de 700 anos) acaba sendo unha pequena loor ao poder de comunicación dunha das grandes mulleres da nosa academia e da nosa lingua.

E para mostra, cítoa textualmente, nun artigo de hai un mes, Noia fai a mellor das descricións para todos os públicos que teño lido sobre o pergamiño Vindel: «Un anaco de pel de ovella na que un xograr -ou xograresa- agochados na rúbrica Martín Códax, escribiu sete cantigas de amigo coa pautación musical en seis delas, nos anos finais do século XIII».

O caso é que o pergamiño tivo unha vida misteriosa e peculiar, descuberto polo libreiro Pedro Vindel no forro dun De Officiis de Cicerón, o anaco de pel portador do noso tesouro, da nosa lírica profana máis preciada, emigrou do Madrid de 1914 á Upsala do 1918, e rematou, nos anos setenta e despois dalgún misterio, na colección da Morgan Library de Nova York.

Hoxe, e grazas á colaboración da Universidade de Vigo, temos as nosas cantigas no seu Vigo natal e cun ciclo de conferencias ao seu redor: sen dúbida unha cita obrigada co noso pasado, co noso patrimonio cultural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.