Turbulencias

La Voz de Galicia – 26 de Xaneiro, 2018 →

Cristina PatoEra unha vídeo conversa do máis banal; estáballe a preguntar sobre que fixeran para xantar e, de súpeto, miña irmá Yolanda colleu o iPad, marchou ao salón e comezou a contarme algo que escoitara na radio. Mentres ela falaba eu estaba a un par de cousas máis. Non é que non lle prestase atención, pero falo con elas todos os días e ás veces simplemente sigo coas miñas tarefas mentres estamos conectadas.

O caso é que non sei como pasamos do ricas que estaban as costelas guisadas do noso cuñado á pregunta «por que me sinto como me sinto cando me sinto así?». Case sempre teño unha resposta para ela, pero esta vez quedei muda. Entón decidín regresar ao escritor que hai quince anos me abriu as portas á fascinante conexión entre a neurociencia e a filosofía, Antonio Damasio, quen co seu libro O erro de Descartes: a emoción, a razón e o cerebro humano, de 1994, revolucionara a teoría da relación entre as emocións e a razón. Collín as miñas notas sobre os seus libros e decidín tentar atopar unha resposta á pregunta de miña irmá. Para o neurocientífico Damasio a emoción non só non é a inimiga da razón, senón que define a súa relación como complementaria: ser para pensar, en vez de pensar para ser… Engancheime de novo aos seus libros e, por suposto, esquecín o meu propósito. Cando hai turbulencias teño que ter a mente ocupada para que o medo non me paralice. A revista de ciencia, cultura e filosofía Nautilus logra que desconecte por completo das miñas emocións máis escuras, e, de casualidade, no seu número desta semana atopei unha resposta para miña irmá. Segundo Damasio, «a importancia de sentir é que fai que sexamos conscientes do que facemos a nivel moral».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.