Escritora

Música, escritora, educadora e produtora, Cristina Pato foi aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” por The New York Times. Despois de 25 anos de experiencia coma música profesional, percorrendo o mundo coa gaita galega e o piano, Cristina agora canaliza a súa creatividade a través da escrita, a produción e a docencia, centrándose no papel das artes na sociedade. Bio completa


Cristina agasállanos cada semana cunha visión do mundo dende a Galicia da nova modernidade. Entusiasmo, lealdade, talento e esperanza, que tanto necesitamos

—Víctor Fernández Freixanes, Presidente da Real Academia da Língua Galega

No ano 2015, Cristina comezou a súa traxectoria cunha columna quincenal no xornal El Correo Gallego, e desde o 2017 Cristina escribe unha popular columna semanal para a contraportada de La Voz de Galicia titulada  “A arte da inquedanza”, pola que gañou o XVII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego.

No ano 2022 publica a súa primeira novela No día do seu enterro, coa Editorial Galaxia (Colección Literaria, 2022), agora na súa terceira edición.

No día do seu enterro é unha novela sobre o poder da palabra, sobre a nobreza dos invisibles e sobre as verdades non contadas. Unha conmovedora historia sobre o que significa reconstruír a vida para poder sacar adiante unha familia.

No día do seu enterro - Cristina Pato - Editorial Galaxia

“Unha peza literaria con forma de sonata, ton intimista e doce musicalidade”

–María Doallo, La Voz de Galicia

“Unha novela que fala da loita por sobrevivir, de valores humanos e de mulleres activas, escrita nun discurso áxil, ben artellado, e con trazos de lirismo.”

–Camiño Noia, Revista Tempos Novos, Tempos Dixital

“Unha novela orixinal que ten un aquel moroso do “noveau roman”, e que lembra cousas do primeiro Méndez Ferrín,”

–Vicente Araguas, La Revista, La Región

“De fondo están a emigración ou a vida dos barrios. Xente humilde cuns valores e xeito de vida que non idealiza e que tenden a contrastar cos das clases socias más acomodadas”

–Montse González, Sermos Galiza, Nós Diario

En 2025 sae á luz a súa segunda novela con Editorial Galaxia, “Fóra de foco”.

A medio camiño entre o West Village de Nova York, Galicia e Madrid, Fóra de foco propón unha reflexión precisa e contemporánea sobre a vida moderna e as súas tensións; a relación entre o público e o privado, entre a ambición profesional e a soidade persoal, entre a creación e o esquecemento.

Cun pulso contido e suxeito a un propósito marcado pola concisión e brevidade, é tamén esta unha revisión pola presenza galega nalgúns territorios de Nova York e unha reclamación ao dereito a poder ser o que unha persoa considere necesario en cada momento; mesmo a poder ser diferentes cousas ao longo da vida (…) Unha proposta para ler e, abofé, para pensar..”

–Ramón Nicolás. Caderno da crítica. La Voz de Galicia

Cando Cristina Pato fala da súa nova novela, «Fóra de foco», non a presenta como un artefacto literario pechado, senón como un proceso vital. Escrito tras a súa retirada da música profesional —e de todo o que implica a exposición pública—, o libro é, en palabras súas, unha tentativa de entender

–Lucila González. Faro de Vigo

A forma de escribir de Pato é profunda e sinxela á vez, ateigada de sensibilidade. Niso ten que ver a súa profesión como música e imaxino que tamén influirá que fala da fotografía e da escrita, dúas disciplinas artísticas. A obra é fondamente contemporánea, pois o dereito ao esquecemento ou á desaparición semellan cada vez máis unha utopía

–Tensi Xesteira. Lecturafilia. Nós Diario

A novela indaga con profusión na relación non sempre pacífica entre o individuo e a súa maneira de gañar a vida, no dereito a desaparecer, na saúde mental, na responsabilidade de cargar coa culpa do que fixeron os antepasados, nos coidados, nas rutinas do voluntariado, e en como o rol feminino implica a miúdo tragar as feridas con orgullo para sufrir en silencio

–Carmela González. Biblos: Revista Galega de Información Literaria