A vontade

La Voz de Galicia – 24 de agosto, 2018 →

Cristina PatoÁs veces as cousas van á primeira, e ás veces, pois non. Se me atasco cun asunto pequeno, cunha tarefa con principio e fin, como preparar unha clase ou organizar unha xira, entón téñome que pór a facer algo mecánico para ver se así as cousas se aclaran, tipo pasar o ferro á roupa da semana ou dar un paseo dos longos. Tamén me funciona poñerme a facer o que non ten présa, o que podería facer noutro momento. Se cadra, canto menos tempo ten unha para facer as tarefas tanxibles, máis produtiva é para sacalas adiante no menor tempo posible.

O problema é cando unha se atasca cun asunto grande: cun problema que ten principio, pero non fin, coma unha dúbida existencial sobre como afrontar a próxima década, ou se ir ou vir ou quedar no medio. Cando é así, entón volvo a Montaigne, o humanista e filósofo francés do século XVI que me salva a vida acotío. Nos seus ensaios atopo respostas a preguntas que aínda non me fixen e con iso, ás veces, consigo desatascarme.

A miña idea da columna de hoxe ía sobre uns versos dunha canción de Caetano Veloso que atopara nun ensaio de Montaigne, pero sen querelo quedei enfrascada neste parágrafo: «En canto ao mandar, que semella tan doado (…), coido que é moito máis cómodo e máis grato o obedecer que o conducir, e constitúe un repouso grande para o espírito o non ter que seguir máis que unha ruta trazada de antemán (…)». E así, sen sabelo, saín dunha desas grandes dúbidas que non me deixaban matinar ao meu xeito: a importancia de trazar unha ruta de seu.

Entón, estoutra cita de Virxilio, audentes fortuna iuvat («aos que se atreven, a fortuna sorrilles»), pareceume o mellor xeito de rematar esta modesta columna sobre a vontade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.