La Voz de Galicia – 17 de agosto, 2018 →
Serían as tres da mañá, eu viría de tocar nalgún concerto polo norte, pararía a botar gasolina e alí estaría ela, co seu sorriso e a súa enerxía incandescente. Falariamos un bo intre; da vida, da noite, da familia, dos nosos traballos… falariamos coma se fose o máis normal do mundo ter un cristal blindado polo medio. E despois dunha media hora eu collería camiño a Ourense coa sensación de non estar xa soa na estrada.
Hai uns catorce anos que comecei a parar nesa estación de servizo, por pura supervivencia, xa que de Ourense a Santiago por autoestrada non había moitas máis. Durante os anos nos que tocaba máis que vivía, parar alí converteuse como nunha especie de oasis: faría o que puidera para que me coincidise chegar á estación de Silleda, encher o depósito e tomar un café con Noelia. E se descubría que ela estaría na quenda de noite cando me tocase volver de madrugada, entón paraba incluso se non tiña que encher.
Durante os últimos vinte anos da miña vida (hoxe cumpro 38) tiven a fortuna de poder exercer dun pouco de todo para decatarme de que o que realmente me apaixona das miñas profesións é estar e falar coa xente. Coñecer as mil e unha realidades da nosa contorna, para así descubrir que os medos e as alegrías son as mesmas, vivas onde vivas e fagas o que fagas. Para min, parar no medio da estrada, pedirlle a Noelia o café e charlar de todo e de nada nunha noite pecha de verán é o que me lembra que a soidade é só unha sensación, que estamos tan soas como nos permitimos sentir, ao igual que somos tan felices como nos permitimos ser. Cansa, triste ou decepcionada, parar nesa gasolineira faime realmente feliz. Grazas, Noelia.