La Voz de Galicia – 21 de xullo, 2023 →
Escoitaba o outro día un podcast no que falaban sobre a vellez, a felicidade e as leccións que podemos aprender da xente de máis idade. Era no contexto dunha entrevista coa psicóloga estadounidense Laura L. Carstensen, que desenvolveu a teoría da selectividade socioemocional (SST), que sostén que cando os horizontes temporais se reducen (por idade ou por enfermidade) tamén hai cambios na motivación que fan que as persoas se volvan «máis selectivas, investindo máis recursos en obxectivos e actividades emocionalmente significativos», unha teoría que a levou ao «descubrimento do efecto de positividade no procesamento cognitivo».
Segundo Carstensen, o «efecto de positividade» fai que as persoas de idade «avorezan os estímulos positivos fronte aos negativos», e que «cando os horizontes temporais se acurtan, os obxectivos orientados ao futuro (…) van perdendo importancia, e os obxectivos orientados ao presente (…) gañan prioridade». E foi nesa idea dos obxectivos futuros onde me quedei matinando, pois neste camiño que escollín no que nada é permanente, ás veces soño con chegar a vella (con saúde e un lugar onde vivir) para poder estar no momento presente sen máis. Pois coido que moita da miña angustia cotiá está precisamente relacionada con ese futuro que unha sabe que non pode controlar.
Sempre me sentín afortunada por crecer rodeada de vellas, pois teñen unha sabedoría especial que, a pesar das súas circunstancias, fai que sexan capaces de crear un xeito de vida acorde a elas. E supoño que por iso sigo soñando con aprender a avellentar coma elas, intentando atopar a felicidade no presente que me toque vivir, a pesar das circunstancias.