Invisibles

La Voz de Galicia – 8 de abril, 2022 →

Cristina PatoLía esta semana unha entrevista co artista e activista chinés Ai Weiwei (un dos referentes da intersección entre arte e responsabilidade social), na que facía referencia á diferenza de trato que está a ter Europa entre os refuxiados ucraínos e os refuxiados doutros conflitos. El mesmo, co seu documental Human Flow (2017), fixera un incrible percorrido humano e artístico a través de corenta campos de refuxiados en máis de vinte países, amosando esa diferenza entre o que se di que se fai e o que realmente se fai cando os países falan de acollida de refuxiados.

Entón lembrei aquel vídeo de Forensic Architecture, unha axencia da universidade de Londres que investiga «as violacións dos dereitos humanos, incluída a violencia cometida por estados, forzas policiais, militares e corporacións». O vídeo chámase The Left to Die Boat (algo así coma «O barco que deixaron morrer») e nel fan unha reconstrución dos movementos dun bote de goma que saíu da costa libia en marzo de 2011, no momento da intervención militar da OTAN en Libia, amosando como as diferentes entidades alí presentes deixaron morrer, durante catorce días, aos pasaxeiros que tentaban refuxiarse escapando cara Italia: «A pesar de varios sinais de socorro que transmitiron a súa localización, así como das interaccións repetidas con polo menos un helicóptero e un barco militar». Dos setenta e dous pasaxeiros sobreviviron nove, e coa súa colaboración, ademais do traballo de investigación sobre as imaxes de satélite, a organización comezou unha batalla legal na busca de responsables por esas mortes; unha batalla que aínda non atopou culpables, pois once anos despois nin se recoñeceu o crime…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.